Dodro.-14/01/2011 Efectivos do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña con base nos Parques de Bombeiros de Boiro e Ribeira extinguiron un incendio nunha vivenda situada no lugar de Revixós, no Concello de Dodro.
O Centro de Coordinación de Emerxencias 112-Galicia recibiu o aviso e de inmediato se mobilizaron os bombeiros, os que, cando chegaron ó lugar do incidente atopáronse cun alpendre cheo de palla ardendo, o cal estaba pegado a unha casa deshabitada. O seu labor consistiu en sufocar o incendio, evitando que se propagase á vivenda anexa.
Ata o lugar do incidente desprazouse unha dotación do Parque de Bombeiros de Boiro (un cabo xefe de quenda e dous bombeiros) e outra do Parque de Bombeiros de Ribeira (un cabo xefe de quenda e un bombeiro) con vehículos autobomba nodriza e autobomba urbana. Ademais dos bombeiros, tamén colaboraron na intervención efectivos da Garda Civil e de Protección Civil de Boiro. Unha vez rematado o servicio, regresaron á súa base, quedando de novo operativos.