Miño.-28/12/2012 Efectivos do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña con base no Parque de Bombeiros de Betanzos extinguiron un incendio nun edificio na rúa Carreira nº 15, parroquia de Santa María, Concello de Miño.
O Centro de Coordinación de Emerxencias 112-Galicia recibiu o aviso e deseguido se mobilizaron os bombeiros, os que, cando chegaron ó lugar do incidente, atopáronse cunha columna de lume duns 4-5 metros de altura producida por unha fuga de gas inflamada que lle afectaba á fachada principal dun edificio de 3 plantas. O seu labor consistiu en controlar e sufocar o incendio e na adopción das medidas preventivas e de seguridade necesarias para evitar que se producisen danos persoais.
Ata o lugar do incidente desprazáronse un sarxento xefe de parque, un cabo xefe de quenda, tres bombeiros e os vehículos autobomba urbana e autoescaleira. Ademais dos bombeiros, tamén colaboraron na intervención membros dos corpos da Garda Cilvil, Garda Civil de Tráfico, persoal do 061, Voluntarios de Protección Civil de Miño e GRUMIR de Miño. Unha vez rematado o servizo, recollidos os datos necesarios e o material empregado, regresaron á súa base, quedando de novo operativos.