Carral.-23/05/2011 Efectivos do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña con base no Parque de Bombeiros de Ordes interviñeron como consecuencia dun accidente de tráfico acontecido á altura do lugar das Travesas, na parroquia de Beira, no termo municipal de Carral.
O Centro de Coordinación de Emerxencias 112-Galicia recibiu o aviso e deseguido se mobilizaron os bombeiros, os que, cando chegaron ó lugar do sinistro, atopáronse con que a condutora do vehículo estaba consciente e orientada, queixándose do seu costado esquerdo e sen poder abrir a porta do coche. O seu labor consitiu no rescate da mesma, para que puidera ser atendida polo persoal sanitario. A continuación, limparon a estrada dos restos do automóbil.
Ata o lugar do accidente desprazáronse un cabo xefe de quenda, tres bombeiros e un vehículo autobomba urbana. Ademais dos bombeiros, tamén participaron na intervención efectivos da Garda Civil de Tráfico, do GRUMIR e persoal do 061 de Ordes e Carral. Unha vez rematado o servizo, regresaron á súa base, quedando de novo operativos.