Betanzos.-14/09/2011 Efectivos do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña con base no Parque de Bombeiros de Betanzos interviñeron como consecuencia dun accidente de tráfico acontecido na estrada N-651, á altura da parroquia de Tiobre, no termo municipal de Betanzos.
O Centro de Coordinación de Emerxencias 112-Galicia recibiu o aviso e deseguido se mobilizaron os bombeiros, os que, cando chegaron ó lugar do sinistro, atopáronse cun camión envorcado na estrada cunha fuga de combustible. O seu labor consistiu en deter a fuga de carburante e na limpeza da vía dos restos do automóbil.
Ata o lugar do accidente desprazáronse un cabo xefe de quenda, tres bombeiros e os vehículos autobomba urbana, nodriza e pick-up. Ademais dos bombeiros, tamén colaboraron na intervención membros da Policía Local, da Garda Civil de Tráfico, do GRUMIR e persoal do 061. Unha vez rematado o servizo, recollidos os datos necesarios e o material empregado, regresaron á súa base, quedando de novo operativos.