Vimianzo.-23/09/2011 Efectivos do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña con base no Parque de Bombeiros da Costa da Morte interviñeron como consecuencia dun accidente de tráfico acontecido á altura da parroquia da Lagoa, no termo municipal de Vimianzo.
O Centro de Coordinación de Emerxencias 112-Galicia recibiu o aviso e deseguido se mobilizaron os bombeiros, os que, cando chegaron ó lugar do sinistro, atopáronse cun turismo envorcado lateralmente do lado do copiloto. No interior do vehículo atopábase unha persoa atrapada polas pernas e estaba a ser atendida por un técnico do 061. O seu labor consistiu na excarceración da vítima para que puidera ser atendida polo persoal sanitario.
Ata o lugar do accidente desprazáronse un cabo xefe de quenda, dous bombeiros e o vehículo autobomba urbana. Ademais dos bombeiros, tamén participaron na intervención membros da Policía Local de Vimianzo, da Garda Civil de Tráfico de Corcubión, do GRUMIR de Vimianzo e persoal do 061. Unha vez rematado o servizo, recollidos os datos necesarios e o material empregado, regresaron á súa base, quedando de novo operativos.